top of page
bragas

A LÁMINA NO MEDIO DE DOUS CACHOS DE PAN | 269 Colectivo Antiespecista

Aquel día marcou un nacemento inevitable. Catro mulleres que compartían un sentir, un xeito de ver a realidade discordante e unha necesidade apremiante de contribuir a crear un mundo máis xusto, encontráronse. No medio dunha praza. Vestidas de negro.



Organizámonos para combater en silenzo. Sostendo entre as mans pequenas pantallas que mostraban a máis horripilante película de terror. Earthlings. A realidade.


O que separa a unha persoa de funcionar de xeito autómata a tomar decisións conscientes, pasa por conectar coa verdade. Con algo tan banal como saber que esa lámina no medio de dous cachos de pan, é un anaco dun corpo, unha vida. É a graxa que premite funcionar a un engranaxe diabólico que arrasa con vidas e que só mira polo beneficio económico, desprezando o sangue e a dor co que o conseguen.


As persoas que aínda non ven esta realidade non son peores nin mellores. Pero o resto, somos activistas por obrigación. Existe unha verdade oculta tras as paredes que a encerran, tras as miradas esquivas de quen prefire non saber. Ollos marcados co medo e sangue decorrendo polo chan baixo un corpo inerte pendurando do teito.



O nacemento de 269 Colectivo Antiespecista, foi a nosa forma de buscar aliadas, de unirnos a outras voces para poder transformar en colectivo. Como tantas outras persoas, compartimos a crenza absoluta de que os animais nen viven nen teñen que morrer para o noso beneplácito. Queremos facer espallar a idea de que o sufrimento que lles infriximos non está xustificado. Rematar cos mitos e mostrar que existen multitude de alternativas que nos permiten levar vidas completamente plenas e saudables sen morte e sen maltrato. Queremos ser avogadas dunha realidade na que non é preciso matar nin explotar.


Sentimos a obriga de contaxiar esta mensaxe. De que as persoas que temos ao redor vexan tamén a necesidade apremiante de deixar de usar animais, de consumilos, de maltratalos, de consideralos como números, como sabores, como fábricas de billetes. Que paren de xustificar o seu asasinato. Iso é todo o que nos queda nas veas. A verdade innegable que cando coñeces, non podes desoir e tratar de impedir. A necesidade persoal de deixar de sentirse cómplices dun mundo impasible.



Non consumir, usar, explotar animais é unha cuestión moral. É tamén unha necesidade ambiental. É un desexo dunha parte da sociedade consciente e preocupada. Comer animais é asasinato. E esa, é unha realidade innegable que non podemos seguir ignorando durante máis tempo.


bottom of page